Saltar ao contido

Epicauta vittata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Epicauta vittata é unha especie de escaravello da familia dos meloidos nativa do leste de América do Norte, incluíndo o leste do Canadá e de Estados Unidos.[1] [2] Pode supoñer unha praga para a agricultura.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O adulto mide de 9 a 17 mm de longo. Ten un corpo longo e delgado, con pelos e pintas. O tórax é máis estreito que a cabeza e o abdome. É de cor negra e amarela, pero o seu padrón de cores varía ao longo da súa área de distribución xeográfica. Ten dous puntos negros na cabeza, dúas bandas brancas no tórax e dúas ou tres bandas negras en cada élitro. Os escaravellos das poboacións septentrionais teñen dúas bandas nos élitros, as meridionais teñen tres.[3]

A larva, que é de tipo triungulino, cambia o seu aspecto conforme se desenvolve. A larva nova saída do ovo é de cor abrancazada e ten patas longas que lle dan mobilidade. Durante este estadio móbil parasita as cubertas dos ovos de saltóns. A partir de aí convértese nunha larva sedentaria que se fai máis escura ata tomar unha cor marrón avermellada con bandas escuras, á vez que se lle reducen as patas.[3]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

Moitos meloidos teñen un ciclo de desenvolvemento complexo no cal a larva e a pupa experimentan drásticos cambios en morfoloxía entre as distintas fases de crecemento.[1]

Hai unha ou dúas xeracións por ano, cun pico de abundancia de adultos en verán ou un pouco antes en climas máis hospitalarios. A femia adulta produce ovos cada 10 días. Deposítaos en masas de 100 a 200 nunha cámara tubular a unhs poucos centímetros de profundidade no chan, despois cóbreos. Os ovos son brancos e duns 2 mm de longo. Fan eclosión en 16 días. As patas funcionais das larvas novas permítenlles buscar comida, que son ovos de saltóns. A medida que se alimenta e se desenvolve onde está a súa fonte de comida, as súas patas van reducíndose.[3] Este escaravello está asociado con especies de saltóns que producen grandes cubertas para os ovos, como Melanoplus bivittatus e Melanoplus differentialis.

Os adultos son máis activos pola mañá e no serán, cando se alimentan de plantas. Durante as horas de calor do mediodía o animal procura refuxio e nos climas quentes e secos pode estar activo só ao serán. As súas plantas preferidas como alimento son calquera solanácea e outras plantas como os amarantos (xénero Amaranthus). Tamén se alimenta dunha variedade de plantas agricolas, como os feixóns, remolachas, cenoiras, repolos, millo, berenxenas, chícharos, patacas, ravos, espinacas, cabazas, patacas doces, tomates, nabos, trevos, soia e alfalfa.[3]

Considérase que é un dos meloidos máis problemáticos na súa zona de distribución. Aliméntase vorazmente, prefire as plantas cultivadas, dana froitos e forma enxames que viaxan en masa. Pode ser un vector do virus da vaíña dos feixóns moteados e un patóxeno para as plantas.[3]

Peor que os danos causados ás plantas é a súa toxicidade.[4] Como outros escaravello da súa familia, contén cantaridina, un terpenoide tóxico. Este composto é un axente vesicante que causa ampolas na pel e nas membranas mucosas. É prexudicial para o gando que come inadvertidamente os escaravellos que están no feo, e ten orixinado mortes, especialmente de cabalos.[4] A toxicidade da cantaridina nun animal adoita chamarse cantaridíase.[5] O contido en cantaridina dun E. vittata é de aproximadamente 4[6] ou 5 mg.[4] Comprobouse que as ras poden acumular cantidades importantes de cantaridina se comeron estes escaravellos e se os humanos comen esas ras pode causarlles síntomas.[7] A dose tóxica de cantaridina para os cabalos é dun miligramo por quilogramo de peso corporal, e a inxestión de 30 a 50 destes escaravellos pode ser mortal.[4] Mesmo comer só de dous a cinco destes escaravellos pode causar cólicos nos cabalos e o feo que contén os restos de fluídos de escaravellos esmagados pode causar igualmente síntomas cando se come.[4] Signos de toxicidade son vinchas e úlceras na boca, patear, estiramentos, diarreas que conteñen cachos da mucosa intestinal, hipocalcemia e hipomagnesemia.[4] As vacas e ovellas parecen ser menos susceptibles paro poden tamén sufrir síntomas pola inxestión dos escaravellos.[4]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Entre os predadores de E, vittata están as moscas asílidas e varios paxaros, como o ictérido Sturnella neglecta, o túrdido Sialia sialis e o tiránido Tyrannus forficatus. Os seus ovos son atacados por outro escaravello meloido, Epicauta atrata.[3]

As ras aparentemente non se ven afectadas polas toxinas dos escaravellos meloidos, e poden "comer meloidos con impunidade".[7] Despois de comer E, vittata, as ras reteñen a toxina nos seus tecidos e segregan moco que a contén durante un curto tempo, e os predadores que consomen ras poden envelenarse. Isto inclúe os humanos que comen patas destas ras. As ras Lithobates pipiens alimentadas con estes escaravellos en estudos realizados acumulaban cantaridina nos músculos das súas coxas, entre outros tecidos. Estímase que só 200 g de patas de ras alimentadas con meloidos poden conter unha dose potencialmente mortal desta toxina.[7]

  1. 1,0 1,1 Selander, R. B. and T. R. Fasulo. Blister beetles. EENY-166. University of Florida IFAS. Published 2000, revised 2010.
  2. Epicauta vittata. Integrated Taxonomic Information System (ITIS).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Capinera, J. L. Striped Blister Beetle, Epicauta vittata (Fabricius) (Coleoptera: Meloidae). EENY-280. Entomology and Nematology. Florida Cooperative Extension Service. University of Florida IFAS. 2003.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Bailey, W. C., et al. G4569 Blister Beetle Management in Alfalfa. Arquivado 14 de setembro de 2017 en Wayback Machine. University of Missouri Extension. 1993.
  5. Hopkins, J. D., et al. Blister Beetle Management in Alfalfa. Arquivado 29 de decembro de 2013 en Wayback Machine. Agriculture and Natural Resources. University of Arkansas.
  6. DiFonzo, C. Cantharidin content and lethal dose of common Michigan blister beetles. Arquivado 2016-03-04 en Wayback Machine. Field Crops Entomology, Michigan State University. 2009.
  7. 7,0 7,1 7,2 Eisner, T., et al. (1990). Systemic retention of ingested cantharidin by frogs. Arquivado 2013-11-05 en Wayback Machine. Chemoecology 1(2), 57–62.